Hoxe, 22 de febreiro, as rapazas e rapaces da clase dos maiores fixémolo xenial nas probas de atletismo en Ribadavia. GANAMOS!
martes, 22 de febreiro de 2022
XOGANDO CO ATLETISMO!
luns, 21 de febreiro de 2022
MANDO DO MECO PARA O MARTES!!
Si que somos revirados,
e que lle imos facer...
mañá co pé cambiado,
algo imos traer:
calcetíns ou zapatos diferentes
un de cada en cada pé!
Imagen de Ryan McGuire en Pixabay
venres, 18 de febreiro de 2022
MANDO DO MECO
Para o luns do noso atuendo
temos que seleccionar
unha prenda que do revés
poidamos levar
porque deste xeito tolo
a semana imos comezar
Imagen de Goran Horvat en Pixabay
Club de Lectura 17/02
Onte 17 de febreiro a chuvia deunos unha tregua e deixounos gozar coa lectura no patio.
Tivemos que parar de ler as 15:07 aínda que todos queriamos seguir lendo... Que intriga!!
Acordamos rematar o libro para a próxima reunión, e así poder xa comentar xuntos as impresións de toda a lectura...
Deixaremos a celebración e o xogo de agachadas para a volta da paradiña do entroido porque o próximo día, de seguro, imos ter moito que compartir.
A vindeira semana está chea de festa e literatura...
Eu son libre. Nada pode conter a marcha dos meus pensamentos, e eles son a lei que rexe o meu destino.
Rosalía de Castro.
O día 23 celebraremos o día de Rosalía, aproveitemos para reler os seus versos sempre tan reveladores...
Durante toda a semana iremos sumerxíndonos de cheo no Entroido, atentos os mandos do Meco!!
xoves, 17 de febreiro de 2022
INVESTIGANDO NA BIBLIOTECA SOBRE...
O luns, como xa estaba anunciado, fixemos unha actividade moi interesante na biblio do cole: investigamos sobre mulleres relevantes para a ciencia das que case nada coñeciamos, reflexionamos sobre a súa importancia e sobre as posibles causas que fan que as nenas e mulleres non teñan tanta visibilidade nas áreas científicas. Aquí vos quedan algunhas fotos da nosa investigación.
venres, 11 de febreiro de 2022
Hoxe é o Día internacional das mulleres e as nenas na Ciencia
O luns levaremos a cabo unha actividade de investigación na biblioteca moooi interesante, non vola perdades!! Estade atentas!!
XA SE ACHEGA O ENTROIDO!
E este ano, fieis ao noso espírito de reducir o consumo para ser máis responsables, non imos fabricar disfraces nos que xeremos lixo innecesario; por iso, propoñémosvos elaborar uns traxes divertidos con cousiñas, vestimentas, complementos... que xa teñamos polas casas, tipo choqueiro. A temática é a do noso proxecto: o traballo.
Así que xa podedes comezar a darlle a esas cabeciñas e a rebuscar en maletas ou baúis; escollede algún traballo e vestídevos de maneira simpática e estrafalaria como se o fósedes a desempeñar.
Lémbrade! Trátase de utilizar cousas que xa teñamos... e de pasalo moi ben!!
Club de lectura 10/2/2022
Bos días familias.O día 10/2/2022 tivemos club de lectura, falamos sobre o capítulo 5 e quedamos de leer dende o 7 ata o 10 (non incluido). Esta semana tamén se uniu Brian o noso auxiliar de conversa: welcome!.
Escrito por: Carla,Mateo e Sara.
xoves, 10 de febreiro de 2022
Biblioteca e escola tamén das familias!!
Onte tivo lugar a reunión na biblioteca para explicarvos todo o que nos traemos entre mans e animarvos a participar activamente en todos estes asuntos...
Moitas grazas a todos os que puidechedes asistir e tamén aos que amosáchedes curiosidade e interese a pesar de non poder estar aquí con nós. Hoxe levan os nenos e nenas un pequeno folleto no que vos contamos esas cousiñas que andamos a argallar.
O máis importante que queremos transmitirvos é que a biblioteca non é só cousa de profes e crianzas, que tamén vos, familias e membros da comunidade educativa, exalumnos... tendes as portas abertas a este espazo e as súas actividades. Estamos encantadas de recibir propostas e colaboracións, dende fondos que vos parezan interesante para enriquecer a biblioteca ata visitas reais ou virtuais para que nos faledes de traballos que levades a cabo no día a día.
Tamén quixemos aproveitar esta sesión para poder resolver dúbidas e explicar as motivacións que nos levaron a plantexar a proposta de cambio de xornada, só con clases pola mañá pero mantendo o horario co servizo de comedor, biblioteca e transporte ata as 16:00. Lembrade que a votación terá lugar o día 16 e que a vosa participación é fundamental.
Moitas grazas adiantadas pola vosa colaboración!!
venres, 4 de febreiro de 2022
CLUB DE LECTURA
Onte 3 de febreiro tivemos a segunda reunión do noso club de lectura, despois de compartir sensacións e emocións, opinións e todo o que nos pareceu, limos un pouco xuntos e acordamos ler ata o capítulo 6, ata a páxina 58.
Aquí vos queda unha foto de outros candidatos de lectura para o club que non saíron escollidos, pero podedes gozar co préstamos habitual da biblioteca.
XA TEMOS NOVA MASCOTA DA BIBLIOTECA
Tras o reconto da votación xa temos nova mascota seleccionada:
Agora temos que darlle nome, ide pensando ideas que dentro de pouco faremos as propostas e a votación.
ESCOLA DE NAIS E PAIS: A NOSA BIBLIOTECA É DE TOD@S E PARA TOD@S!!
Queremos convidarvos a unha escola de nais e pais na que nos gustaría compartir con todos os membros da comunidade educativa o proxecto da nosa biblioteca, as novidades deste ano e o que seguimos levando a cabo dende cursos anteriores, escoitar as vosas contribucións e ideas e animarvos a participar activamente na vida da nosa biblioteca.
A reunión terá lugar o día 9 de febreiro as 16:05 na Biblioteca CSA, a biblioteca do cole.
Agardamos que vos animedes a asistir.
CONVOCATORIA: VOTACIÓN PARA A SOLICITUDE DE MODIFICACIÓN DE XORNADA
Xa está colgado no taboleiro de anuncios do centro escolar a convocatoria de votación para solicitar o cambio de xornada.
Aquí tendes o documento por se o queredes consultar.
A xornada de votación terá lugar o día 16 de febreiro en horario de 9:30 a 17:30.
O voto será directo e secreto, e poderá votar un membro por familia: pai ou nai ou titor/a legal de cada familia.
O censo está exposto no taboleiro de anuncios do centro e o luns día 7 de febreiro abrirase o prazo de cinco días para interpor reclamacións ao mesmo.
Na vindeira semana procederase o sorteo dos membros da mesa, que estará constituída pola dirección (presidenta) e dous representantes das familias (nais, pais ou titores/as legais). Como resultado do sorteo escolleranse dous titulares e dous suplentes e exercerá de secretario o representante de menor idade.
É moi importante a participación da comunidade educativa e agradecemos de
antemán a vosa implicación na vida do centro escolar.